Cambiar idioma

22 de enero de 2013

Marca España? República Bananera.....

A marca España. Lembran? Recuperar a marca España, devolverlle o prestixio perdido, foi durante meses (e segue a ser) unha matraca oficial difundida e defendida a ultranza (por algún grupo de comunicación ata caer no ridículo, todo hai que dicilo). As manifestacións empañaban a nosa imaxe ¡panda de vagos e facinerosos!; a maioría silenciosa é a que axuda á nosa malpocada España a ser ese paraíso que foi. A reportaxe de The New York Times con imaxes de xente rebuscando no lixo para comer... Intolerable! Iso non era España, formaba parte dunha campaña de conspiración contra nós, etc. etc. etc.
Que pasa agora coa marca España? Caso Bárcenas (aquí non pasa nada, oiga, no sabe no contesta), e agora por riba isto: "El Gobierno cambiará la ley para que condenados puedan dirigir entidades (bancarias)". Por primeira vez, se explica nesta nova, a condición de condenado por delitos dolosos non será suficiente para impedir que un executivo sexa banqueiro. Isto si que é axudar á marca España. A que marca? Á do top ten de países líderes en corrupción, a do premium en chanchullos e marullerías, a dos campións en indecencia.... 
P.D. Atopei esta montaxe en Internet. Título: "Máis sobre a República Bananera de España". Ven que nin pintada.



16 de enero de 2013

A "Estrella de la Muerte", para España


A estación espacial da saga "Star Wars" é todo un mito

Curiosa nova a publicada estes días: "La Casa Blanca rechaza la petición popular de construir "La Estrella de la Muerte" . Pois si, nada máis e nada menos que 35.000 estadounidenses pedían a Obama que a famosa estación espacial da mítica saga de George Lucas fora construida (pola NASA, supoño) e colocada no espacio, imaxino que cunha misión ben diferente que na "Guerra de las Galaxias". Hai que lembrar que era o instrumento de terror utilizado polo Imperio para destruir planetas e acabar con todo aquel que se opuxera a Darth Vader e cía, e supoño que non querrían iso.
O caso é que estiven a ler os comentarios dos internautas ao respecto desta información e a maoría deles orbitan arredor de dúas ideas clave.
A primeira é que se trata dunha "frikada". Moitos consideran que os fans de "Star Wars" quizais levaron demasiado lonxe a súa devoción pola saga. E a segunda idea é que, malia todo, é unha "frikada" contestada  (aínda que negativamente e con certa sorna) pola Administración de EEUU aos peticionarios. 
Aquí non fai falla iniciativas populares para que os gobernantes se poña mans á obra con "frikadas" varias, exemplos hai dabondo. Ou acaso o aeroporto sen avións non lle supera? Ocúrreseme que poderíamos pedir que la "La Estrella de la Muerte" se constrúa aquí e se coloque no aeroporto como atracción turística, para atraer máis afeccionados ás caminatas a esta terminal peonil. Ou pedirlle a Sheldon Adelson que, en vez das pirámides de Exipto a constrúa e a faga orbitar por riba da futura Las Vegas española; seguro que nos visitan todos estes frikis americanos.

9 de enero de 2013

Enchufes? E ti máis...


Houbo hai tempo unha campaña, non lembro se promovida por algún partido político ou colectivo cidadá a propósito dunhas oposicións, que baixo o lema "enchufes Baltar",  denunciaba as irregularidades que se viñan producindo na "política" de contratacións do ex-presidente da Deputación de Ourense no organismo provincial. Ata saían nas fotografías publicadas pola prensa con estes dispositivos e todo. O que denunciaban, basicamente, é que dita "política" tiña dous piares fundamentais: "ser familiar de" e o carné oportuno (e non o profesional, precisamente).
Tras anos e anos de denuncias públicas, escándalos varios destapados polos medios de comunicación (o do insólito número de porteiros-conserxes por metro cadrado de edificio provincial alcanzou unha repercusión brutal polo esperpéntico da situación); anos coa sensación de que neste país a impunidade campa as súas anchas para determinadas persoas, un xuíz admite a trámite unha querela presentada polo fiscal xefe de Ourense; hai indicios de que pode ter existido prevaricación ao realizar 104 contratacións temporais.
E a que se arma!!!!!!!! Que Galicia sexa a segunda comunidade autónoma onde máis medrou o paro en decembro semella un problema secundario: o importante é enredar, desviar a atención e, sobre todo, POÑER A FUNCIONAR O VENTILADOR. O PP amaga con tirar da manta, que diría Roldan. Adxunto o enlace da nova que publica Galicia Confidencial: "O PP filtra enchufados do PSOE e ameaza con filtrar do BNG", unha nova espiral do "e ti máis" a propósito deste asunto.
Deixen que a xustiza faga o seu traballo (máis vale tarde que nunca). E recurran a ela se o consideran necesario; non basta con tirar da manta nos medios de comunicación. Se teñen indicios de prevaricación noutras contratacións, denúncieno, pois é súa responsabilidade.
E saiban que, máis agora ca nunca, nun contexto onde o emprego é un ben escasísimo, os enchufes poden crear cortocircuitos e incendiar á xa queimada cidadanía.

7 de enero de 2013

A faba da prosperidade

That's all folks! Isto é todo, amigos, que diría Porky. Acabouse o Nadal, benvida a volta á normalidade. Hoxe, último día de vacacións escolares, aproveitamos para desmontar o árbore e demais decoración navideña e gardalo todo para as vindeiras festas. Foi practicamente un mes, desde a ponte da Constitución, o que convivimos co portal, a árbore, as estrelas e as incontables postais e manualidades que as miñas cativas estiveron a facer.
Toca comezar 2013, e digo isto porque para min non empeza realmente ata que as nenas regresan ás aulas. Nin día de Ano Novo nin nada; na volta ao "cole" está o meu punto de inflexión. E este ano ¡tocoume a faba do roscón de Reis! E que conste que non foi o Día de Reis, senón hoxe, tomando un café coa miña irmá e dándolle o ultimatum a esta larpeirada.
Lin que a faba simboliza a rexeneración, a prosperidade, o rexurdir da vida, o ano novo.... así que, a pesares do meu escepticismo, non podo dicir máis ca : QUE SE CUMPRA!
 Que o 2013 sexa un bo ano para todos.

Hoxe tamén estaban a desmontar o portal na Pobra