Cambiar idioma

28 de octubre de 2012

Truco o trato

Unha cabaza "princesa" e outra caracterizada como "Minnie Mouse" aqueixada de sarampelo ou algo así
O 31 celebraremos unha noite máxica, a noite do Samaín. A miña filla maior non deixa de insistir en que fagamos o percorrido polo barrio a petar nas portas e a dicir "truco o trato" (o famoso "trick or treat" que ve nas series inglesas e americanas) para arrepañar unhas poucas chuches ou doces. Fártome de dicirlle que eiquí non temos ese costume (aínda que nestes últimos anos si que viñerona algúns cativos disfrazados pola miña casa), pero se finalmente remato sucumbindo á súa petición vereime porta por porta, oculto o sentido do ridículo tras algún disfraz de meiga, pantasma ou algunha alternativa de andar por casa. O conto é que xa preparamos as cabazas; logo de baleiralas, a maior decorou a súa como unha "Minnie Mouse" un tanto sinistra e aqueixada de sarampelo ou algún outro brote, e a peque optou por disfrazala de princesa (onde haxa unha princesa, que se quite o demais!). Para elas, será a noite de Halloween pero tamén a nosa, o Samaín. Reproduzo aquí o seu significado, feito polo equipo de Dinamización Lingüística do E.E.I. Fernández Varela: "Palabra gaélica que significa a fin do verán, principio do inverno (as dúas estacións dos celtas). Os pobos celtas (Galicia, irlanda, distintas zonas de Gran Bretaña...) celebraban o comezo do novo ano no tempo do Samaín, que para eles se iniciaba co cambio de estación, coas colleitas... fest que máis tarde se popularizaría na América Latina, logo de que a Igrexa tratara de cristianiza-la celebración entre os séculos VIII e X. Na noite do 31 de outubro os homes convocaban a asemblea máis importante do ano, que remataban cunha gran cea a base de carne de porco, castañas e hidromel. Era a noite máis perigosa do ano: as almas dos mortos regresaban a visitar os fogares da terra.... Para manter ós espíritos contentos e afasta-los males dos seus fogares, os celtas deixaban comida e doces fóra do fogar; unha tradición que se converteu no que hoxe fan os nenos indo de casa en casa pedindo doces".
 Que teñades un bo e terrorífico Samaín.

27 de octubre de 2012

A miña estrea na escea cinematográfica


Eiquí está. A miña estrea (e a do meu home; en que "fregaos" o ando a meter!) na escena cinematográfica. É o traballo que tiñamos que presentar (unha curta de 3 minutos máximos de duración) os alumnos do curso de producción cinematográfica que rematei a semana pasada, no que, por certo, coincidín cuns compañeiros estupendos. Tremer, Tarantino non tremerá, pero... que risas botamos na rodaxe! Un cachondeo! Agardo que polo menos tamén sonriades coa historia. E, xa para os críticos de cine, un pouquiño de compaixón. Por favor.


20 de octubre de 2012

Salvemos o xornalismo !!!

Membros do Club Exxpopress durante a homenaxe a Pepe Domingo Castaño no Parque da Comunicación de Boiro
 Esta semana participei en Boiro no acto do Club Exxpopress no que se distinguiu a traxectoria profesional do xornalista Pepe Domingo Castaño, un dos galardoados nesta edición dos premios que concede anualmente este colectivo integrado por profesionais da comunicación e doutros eidos sociais. Nos discursos alí pronunciados destacouse, como non, o papel dos medios e dos profesionais na nosa sociedade (imprescindibles, ao meu xuízo, para a defensa da convivencia democrática, a pluralidade e a xustiza social), pero non houbo referencias á difícil situación que está a atravesar o sector, nin á transformación que está a experimentar co auxe dos soportes dixitais, as novas canles de difusión e as preferencias do cidadán á hora de elixir como manterse informado. Quizais, nese contexto de celebración no que estabamos, non fose oportuno ou "protocolario" facelo. Pero comentáronme que, posteriormente, o Director Xeral de Medios, que tamén asistiu ao acto, si falou con xornalistas locais deste asunto, e polo que me dixeron, mostrou a súa preocupación e informoulles dalgunhas iniciativas que pretende por en marcha para reciclar e formar a tantos profesionais da comunicación en situación de desemprego, froito de EREs, peche de televisións e radios locais, reestruturación de cabeceiras, etc. Mañá hai eleccións e os galegos expresaremos a nosa vontade. Sectores estratéxicos (naval, marítimo-pesquero, leiteiro, agro, etc.), servizos básicos, educación, sanidade ocuparon cuantiosos titulares durante a campaña. Quen goberne, debe tamén procurar fórmulas que axuden a reactivar este sector, que apoien ás empresas que desexen sacar adiante o seu proxecto. E, desde logo, non pasan por pagarlle o favor aos medios que regalan aos seus lectores a papeleta electoral (cando lin que un xornal facilitaba nas súas páxinas a de Mario Conde non daba creto!!! Como está o patio!!!). Nin outras fórmulas moito máis sutís, entendémonos.


16 de octubre de 2012

Dez anos do "Prestige"

Imaxe tomada en Fort Worth en novembro de 2003
 Lendo e escoitando as informacións de hoxe sobre o arranque do xuízo do "Prestige" , preto dunha década despois da catástrofe,  resultoume imposible non trasladarme a eses dez anos atrás. Como estaba? Que facía? Pois traballaba nun medio de comunicación e, polo tanto, tódolos compañeiros vivimos e compartimos os desvelos e angustias das xentes do mar naqueles dramáticos días. Testimonios recollidos a pé de chapapote, ou mesmo na casa (a miña nai, agora xubilada, era mariscadora), cos amigos... aquelo foi terrible. Xurdiu o movemento Nunca Máis, a maior movilización social que, ao menos eu, recordo en Galicia, e que continuou coa súa loita ao longo deste tempo; de feito, o clamor de Nunca Máis volveuse sentir hoxe na Coruña. En novembro de 2003, un ano despois do desastre, estiven de viaxe en Texas e hospedeime en Fort Worth, nunha urbanización na que vivían varios profesores españois que traballaban alí. Que emoción sentín cando vin a bandeira de Nunca Máis no seu salón!! Non puiden evitar fotografiarme con ela desta guisa (sombreiro tejano típico), e hoxe saqueina do baúl dos recordos (álbumes de fotos en papel; que tempos!). Agora, dez anos despois, que se faga xustiza.

14 de octubre de 2012


Iogurt xeado de nata e chocolate con lacasitos e fresas, a opción das nenas



Castañas asadas ¡riquísimas!

O sábado cruzamos o charco (conformémonos coa nosa ría) para dar unha volta por Vilagarcía, unha cidade que me encanta para pasear coas nenas, non só polo paseo marítimo e os parques infantís, senón pola animada e ampla zona peonil. Ao chegar preto do centro, un inconfundible aroma chegou ata nós, dóce, cálido, queimado. ¡Castañas asadas! Alí estaba o vendedor, co seu carriño e a súa bata, atento á clientela e ao fogón, a despachar esta delicia de outono en cucuruchos de papel. A min esta estampa sempre se me antollou antiga, como unha foto fixa que permanece invariable a pesares do transcurso do tempo. As nenas apresuráronse a pedir; como non! Pero xa era a segunda petición: a súa primeira opción quedaba uns metros atrás, en forma de iogurt xeado acompañado de lacasitos, chucherías, froitas e un sinfín de combinacións posibles. Como resistirse a ese mostrador, fortemente iluminado con neón rosa e branco, repleto de vistosos xeados e batidos que xa entraban polos ollos? A dependenta, uniformada dacordo co neón, preparaba os pedidos dos clientes, servidos tamén en vasos de plástico corporativos, co logotipo da cadea de xeados. Que contraste co señor das castañas, o seu humilde carriño, os seus cucuruchos feitos con periódico! Elas decantáronse polo iogurt xeado pero ¡tampouco lle dixeron que non ás castañas!

11 de octubre de 2012

"Ghandía Shore" ou aquí hai cacho

Protagonistas de "Gandía Shore". EL PAIS.


 Un dos hits da actualidade é o ministro Wert e a súa morriña polo "espíritu nacional", pero hoxe chamoume a atención o seguinte titular en EL PAÍS "Sexo, juergas y garrulismo a la española".  Trátase dunha reportaxe sobre Gandía Shore, uno novo programa televisivo da MTV que ven a ser a adaptación castiza dun reallity americano que arrasa chamado Jersey Shore. Vamos, españolizando (que diría Wert) cacho. Porque diso se trata: de ver os desfases nocturnos dun grupo de chonis e brothers tuneados e adictos ás supermini prendas por locais de moda e discotecas, e devorar as experiencias íntimo-hoteleras, consistentes basicamente en sexo, sexo, sexo e... que máis? Ah! trifulcas e conspiracións (imprescindibles en todo reality que se precie) Teño visto algún fragmento de Jersey Shore. E, en fin, estou curada de espantos. O do famoso edredoning dos primeiros "Gran Hermano", peccata minuta. Aquí hai cacho.

9 de octubre de 2012

Treme, Tarantino !!!

Mañá á mañá retomo o curso de producción audiovisual no que ando metida desde hai un par de semanas. Treme, Tarantino, que aí vou eu !!! O caso é que esta é unha de varias accións formativas que levo feitas na aula do Concello de Boiro da "Red de Centros para la Modernización y la Inclusión Tecnológica" (Red CeMIT) que puxo en marcha hai anos a Xunta de Galicia para fomentar o uso das novas tecnoloxías entre a sociedade galega. Ensino recoñecido pola propia Administración co correspondente título e acceso gratuíto a formación de calidade que, impartida por centros privados, suporía un desembolso económico imposible de asumir por moitos de nós son algunhas das características que eu destacaría deste servizo. E tamén o feito de ser un punto de encontro interxeracional e aberto a todo tipo de perfís (maiores que teñen a súa primeira experiencia cun ordenador, fenómenos das redes sociais, profesionais que desexan adquirir novas competencias...). Estes días nos que os nosos candidatos desplegan toda a súa maquinaria capta-votos, nos que a tesoira queda relegada momentaneamente (sorpresas haberá), quero resaltar o bo plantexamento e utilidade deste servizo, pois a formación é unha ferramenta básica na loita contra o desemprego. En resumen: o que funciona ben, non tocalo salvo para melloralo.

8 de octubre de 2012

Habemus debates

Faltan poucas horas para o primeiro dos tres debates entre os candidatos das principais forzas políticas que concorren ás eleccións galegas do 21-O. A nosa TVG emitirá esta noite o face to face entre Alberto Núñez Feijóo e Pachi Vázquez; unha confrontación de argumentario, posta en escea e forza da comunicación non verbal que promete, sobre todo despois dunha fin de semana repleta de enquisas. Haberá que velo, e mañá teremos a análise que uns e outros (partidos) e uns e otros (analistas, comentaristas políticos, expertos en márketing, estrategas varios, etc.) farán do que o debate dou de si. Non vin o debate Barak Obama vs Mitt Romney, pero tódolos medios deron por boa a victoria do candidato republicano a pesares das enquisas a favor de Obama e a súa evidente habilidade oratoria e capacidade de reacción.
Hoxe: 21.30 horas (TVG)

PP de Galicia          VS 


5 de octubre de 2012

"Se ti les, eles len"

A miña filla maior levoume esta semana a unha estupenda iniciativa do CEP Salustiano Rey Eiras, dentro da campaña de animación á lectura, que leva por título "Se ti les, eles len". Un slogan moi recurrido, pero certo, pois os nenos imitan e repiten, para o bo e para o malo, as conductas que observan na casa. A iniciativa consiste en dúas exposicións de libros que estaban na biblioteca do centro, resultado do expurgo da mesma, e que podemos levar á casa como agasallo. Son, loxicamente, exemplares antigos, pero non por iso carentes de valor. Na miña procura do libro co que me quedaría, non puiden evitar sorrir con algún deles, ao comprobar que xa pertencían á biblioteca do colexio público "Fernández Varela", seguramente cando eu estudaba a EXB alí. ¡Que tempos! Nostálxica que é unha (non lle teño que facer), decanteime por un libro titulado "La escalera de cristal", de Zaira Regini Venturini. Por dous motivos. Un: é literatura de intriga e aventuras para rapaces tipo "Los cinco", que tanto me encantaban. E dous: na primeira páxina ten a seguinte dedicatoria: "Quiero donar este libro a la biblioteca del colegio mixto Fernández Varela, para que todos sus alumnos que estudian en él puedan disfrutar de su lectura, como yo lo he hecho. Vuestro amigo, S.P. Puebla del Caramiñal, 13/02/84". Seguro que daquela non imaxinaría que o seu preciado libro acabaría en mans dunha nai de familia, que estudiou nese mesmo centro, e que pretende compartilo coa súa filla.

2 de octubre de 2012

Tarde piaches



Leo na Voz de Galicia (apartado eleccións autonómicas) o seguinte titular: "Feijóo carga en su programa contra las subidas de impuestos". Bo é sabelo. Coincido con el eu, o veciño, o amigo, o primo de Albacete...todos cargamos contra a suba dos impostos. Leo a nova enteira e en ningún momento di esta frase textual, pero se recolle que, implicitamente, o seu programa rexeita a suba de impostos "dobremente contraproducentes" e si aposta por outras vías recadatorias como loitar contra o fraude. Nada que obxectar ao segundo, faltaría máis. Pero o primeiro, como dicimos por estes lares, ¡tarde piaches! Se se trata de rectificar o que se considera unha política errada, benvido sexa. Pero as subas de impostos ás que fomos sometidos, sobre todo neste último ano, tanto directa como indirectamente, son unha realidade. Aumento do prezo da matrícula nas garderías públicas da rede "A Galiña Azul", suba das matrículas universitarias, a recente e brutal do IVE, das taxas municipais (estiven comparando os meus recibos do IBI e taxa do lixo de 2011 e 2012 e quedei alucinada).. e así poderiamos seguir ata mañá. Ah!! E o último: o recibo do auga (aquí na Pobra pagámolo trimestralmente) incrementado polo famoso canon de Aguas de Galicia, vixente desde o 1 de xullo, e que supuxo uns cantos eurillos máis para a economía doméstica. Así que bo é saber que non é a súa intención exprimir máis aos de sempre. Repito: apartado eleccións autonómicas (ler con precaución).