Cambiar idioma

5 de octubre de 2012

"Se ti les, eles len"

A miña filla maior levoume esta semana a unha estupenda iniciativa do CEP Salustiano Rey Eiras, dentro da campaña de animación á lectura, que leva por título "Se ti les, eles len". Un slogan moi recurrido, pero certo, pois os nenos imitan e repiten, para o bo e para o malo, as conductas que observan na casa. A iniciativa consiste en dúas exposicións de libros que estaban na biblioteca do centro, resultado do expurgo da mesma, e que podemos levar á casa como agasallo. Son, loxicamente, exemplares antigos, pero non por iso carentes de valor. Na miña procura do libro co que me quedaría, non puiden evitar sorrir con algún deles, ao comprobar que xa pertencían á biblioteca do colexio público "Fernández Varela", seguramente cando eu estudaba a EXB alí. ¡Que tempos! Nostálxica que é unha (non lle teño que facer), decanteime por un libro titulado "La escalera de cristal", de Zaira Regini Venturini. Por dous motivos. Un: é literatura de intriga e aventuras para rapaces tipo "Los cinco", que tanto me encantaban. E dous: na primeira páxina ten a seguinte dedicatoria: "Quiero donar este libro a la biblioteca del colegio mixto Fernández Varela, para que todos sus alumnos que estudian en él puedan disfrutar de su lectura, como yo lo he hecho. Vuestro amigo, S.P. Puebla del Caramiñal, 13/02/84". Seguro que daquela non imaxinaría que o seu preciado libro acabaría en mans dunha nai de familia, que estudiou nese mesmo centro, e que pretende compartilo coa súa filla.

No hay comentarios:

Publicar un comentario