Cambiar idioma

30 de septiembre de 2012

Como facer que te toque a lotaría sen poñer un peso


Eu mesma fun xogadora habitual de lotaría, das que seguen o ritual: Primitiva para xoves e sábado, Gordo da Primitiva os domingos (tódalas fins de semana sen excepción)....; hábito que remataba coa irremediable cara de póker que se me quedaba ao comprobar que non tiña nin o reintegro. Agora aposto, pero moito menos; se algún día estou preto dun establecemento e teño o impulso, pois gasto algún eurillo, e merco algún boleto en Nadal (por tradición) pero sen esa especie de "enganche" que tiña antes. O meu home nunca gastou un peso en lotaría (salvo compromisos ineludibles; que se o boleto do club de fútbol, a asociación tal) e, como persoa de números e finanzas que é, tratou en varias ocasións de explicarme que, por pura estadística/probabilidade matemática, apostar é como ir sementando o mar de billetes: nunca se reproducirán e nunca os poderás recuperar. ¡Sempre lle toca a alguén! ¡Aquí non hai ningún truco!, apelamos, un tanto cabreados, os xogadores de pro, feridos no noso orgullo. ¡Se non xogas, si que é imposible que te toque!, frase socorrida coa que adoitamos rematar este tipo de conversas. E aquí é onde nos equivocamos. O Estado (Facenda) só destina a premios unha parte do recaudado; o resto queda para o peto. E, como sen dúbida souberon polos medios de comunicación, a partir do vindeiro ano está previsto que todo aquel premio que exceda de 2.500 € estará gravado nun 20% na parte que exceda de tal cantidade. Ou sexa, que o fisco queda co 20% de toda a parte do premio que pase desta cifra. Noutras palabras, que si que é posible que te toque a lotaría sen poñer un peso.

P. D. O que mercas non é lotaría, senón ilusión!




27 de septiembre de 2012

A maioría silenciosa




¡Vaites! Resulta que o noso Presidente do Goberno recoñece simpatías cara a cidadanía mansa e caladiña.¡O soño de todo político! Rajoy alaba nos EEUU "a la mayoría de españoles que no se manifiestan, que no salen en las portadas de la prensa y que no abren los telediarios. No se les ven, pero están ahí, son la mayoría de los 47 millones de personas que viven en España. Esa inmensa mayoría está trabajando, el que puede, dando lo mejor de sí para lograr ese objetivo nacional que nos compete a todos, que es salir de esta crisis (...) Fuente, EL PAÍS.  Ah!!!!... resulta que os que se manifestan, os que protestan, os que discrepan, non traballan (os que teñen onde), non loitan polo seu futuro nin pola recuperación do país. Lembrei unha anécdota deste verán preto de Saldaña (Palencia), onde nos vimos sorprendidos por un rebaño de ovellas que cruzaba a estrada obediente e eficientemente dirixido polos seus pastores. Lembreino logo de ler o da maioría silenciosa.

25 de septiembre de 2012

"Austeridad y hambre" en España, New York Times


Foto: Samuel Aranda (The New York Times)

 Acabo de ver as 15 imaxes coas que The New York Times retrata a "la austeridad y el hambre" en España. O fotógrafo Samuel Aranda inmortaliza en branco e negro o difícil presente e sombrío futuro deste país. Unha familia a piques de ser desahuciada, o movemento 15-M, marchas reivindicativas, un home remexendo nun contenedor, un comedor social ...a tristura e a necesidade. A prensa nacional faise eco desta reportaxe e xa temos reaccións furibundas a tal afrenta a este país que "se rompe" (por enésima vez).  Como se atreven? E que acaso en EEUU non hai pobres e marxinados? Esa non é a imaxe de España, por Dios!! Quen vai confiar en nós se o país do pérfido Obama se dedica a boicotear a marca España? Non todas os comentarios son así, por fortuna. As imaxes son REAIS. Está claro que se mostran situacións extremas de miseria e desesperación, pero é que EXISTEN. Tamén existen as festas en Ibiza con champán de miles de euros, a Marbella dos multimillonarios e os iates de luxo, investigadores españois que son referentes mundiais, científicos, cociñeiros e deportistas "estrela".. pero é que nesta ocasión a reportaxe ía sobre a crise económica e o seu efecto devastador.

22 de septiembre de 2012

"Os Bolechas", estrelas da televisión



Os Bolechas "fichan" pola TVG!!! E nada menos que polo "Xabarín Club", programa que (non podo evitalo), relaciono irremediablemente coas aventuras de Son Goku, Ten Shin Han e compañía nesa repoñedísima serie manga que viamos tódolos adolescentes na miña época, "Bola de Dragón". A miña filla maior, que ten sete anos, non coñece a Son Goku, pero si a Pili, Sonia, Tatá.... e por suposto a Chispa, o can da familia. Durante a súa etapa en Educación Infantil, moitas foron as fins de semana nas que traballamos a lectura, a comprensión e a escritura dun xeito ameno grazas a esta obra de Pepe Carreiro. Os Bolechas se disfrazan, van á compra, celebran un aniversario e ata viaxan aos xogos olímpicos; recrean situacións cotiás. Logo de ler o libro que correspondese, facía a ficha ¡e pasaba un bo rato! Agora, en Primaria, xa non trae estas tareas, pero non perde ocasión de coller outra nova aventura dos Bolechas na biblioteca do colexio ou na municipal. Alégrome de que lle guste a lectura, de que lle guste ler en galego e de que estes personaxes protagonicen o salto á televisión. ¡Estas si que son unhas estrelas!


20 de septiembre de 2012

E segue o peche de medios de comunicación

 Como un incesante goteo, van botando o peche medios de comunicación locais, autonómicos e estatais.
Xornal de Galicia, Galicia Hoxe, Público ... son algunhas das cabeceiras que deixaron de saír á rúa en papel para, nalgús casos, continuar na rede, e noutros directamente desaparecer. Medios de comunicación públicos e privados atravesan momentos de dificultade debido á caída de ingresos de publicidade, o peche do grifo das subvencións públicas por parte dunhas administracións endebedadas e, nalgúns casos, por unha errónea ou deficiente xestión empresarial. Descoñezo a traxectoria da televisión pública de Ponteareas, a súa fórmula de xestión e se hai alternativas para salvala, pero o peche dun medio de comunicación nunca é unha boa nova, nin para os cidadáns nin para os que eliximos esta profesión. É motivo de tristura, pola merma do pluralismo informativo, de canles de información e de vehículos de expresión.

19 de septiembre de 2012

Onde mercan os pobres




Teño que confesalo: o luns fun de compras a un gran centro comercial da Coruña, disque un dos máis grandes de España. E son reincidente:  tódolos luns de Nazareno (festivo local na Pobra do Caramiñal), un grupo de amigas seguimos un ritual: deixar aos pequenos cos pais e marchar a Vigo, Coruña, Santiago... de compras. Nin que decir ten que o de comprar é case o de menos (aínda que remexer, remexemos abondo); trátase dun encontro para comer xuntas, cotillear.. en definitiva, divertirnos. E os pais, aliviados (si, si, están a ler ben... entre soportar un día de compras ou coidar dos cativos, opción B como mal menor).
Chegamos sobre as 10.30 horas ao centro comercial en cuestión. Case ninguén... será moi cedo. Ao longo da mañá vaise animando a cousa pero non hai problemas para andar por alí, nin colas nas caixas, nin agardar para comer.. nada de nada. Iso sí, é luns e por riba un luns de setembro logo da volta ao cole, sinónimo de mes de gasto e petos baleiros. A partir das 18.00, 19.00 horas si que hai moitísima máis xente (incluso atascos puntuais nos accesos); imaxino que coma nas fins de semana.
Boto un vistazo polas tendas de marcas de luxo ou como queira que se chamen, pero claramente orientadas a un nivel adquisitivo alto. Practicamente baleiras. Triunfa o "low coast", éche o que ten a necesidade. A xente desfila con bolsas e bolsas dunha coñecida marca de roupa e complementos baratos; sen dúbida é unha das que máis facturan nese complexo comercial. Charlando do asunto cun familiar que viviu hai anos en Londres, comenta: "Ah, si. Esas tendas xa as había alí antes; é onde mercaban os pobres". Chegou a nosa hora.

15 de septiembre de 2012

ANOITECER EN CABÍO

Fermoso! Verdade? É a imaxe do fin dunha tarde estupenda na praia de Cabío (o venres), feita xusto cando se estaba a poñer o sol, rematada por un percorrido polo paseo e o mirador desde o que hai unhas vistas preciosas da ría, A Illa de Arousa, Rúa... Por este ano, despedímonos da praia, pero non de intres de lecer nesta bela paisaxe.

13 de septiembre de 2012

A volta ao cole

O verán rematou onte; non de xeito oficial, claro, pero si para nenos e pais coa volta ao cole. Un retorno ás aulas cada ano máis temido e non precisamente polos cativos, senón polos proxenitores. Temido polo desembolso en libros e material escolar, este ano agravado pola brutalidade da suba do IVE, e temido polos recortes en docentes que, indiscutiblemente, repercuten de xeito negativo na calidade formativa. Xa hai rumores de que o vindeiro ano non haberá practicamente axudas para libros (reduciranse a casos de familias en pobreza extrema) e, a este paso, non é descabellado pensar que haberá que sufragar outras cousas subvencionadas, nalgúns casos, como é o transporte. A rebelión do "tupper" foi a resposta cidadá na Comunidade de Madrid aos recortes da "lideresa". Aquí en Galicia semella que, polo de agora, o curso despega máis tranquilo que o ano anterior. Imaxino que seguirán as protestas do profesorado do ano pasado, traducidas en días de folga e reducción/eliminación de actividades fóra do horario lectivo, medidas de presión que tomaron obrigados polos recortes e en defensa do ensino público. Sei que hai pais que non comparten estas medidas, pero na miña opinión, aparte de que están no seu dereito de reivindicar os seus intereses como colectivo, os recortes á docencia son en realidade un ataque ás posibilidades de futuro dos nosos fillos. Polo tanto, EN DEFENSA DA EDUCACIÓN PÚBLICA E DE CALIDADE.


Vídeo sobre a suba do IVE. Fonte: Youtube