Cambiar idioma

19 de septiembre de 2012

Onde mercan os pobres




Teño que confesalo: o luns fun de compras a un gran centro comercial da Coruña, disque un dos máis grandes de España. E son reincidente:  tódolos luns de Nazareno (festivo local na Pobra do Caramiñal), un grupo de amigas seguimos un ritual: deixar aos pequenos cos pais e marchar a Vigo, Coruña, Santiago... de compras. Nin que decir ten que o de comprar é case o de menos (aínda que remexer, remexemos abondo); trátase dun encontro para comer xuntas, cotillear.. en definitiva, divertirnos. E os pais, aliviados (si, si, están a ler ben... entre soportar un día de compras ou coidar dos cativos, opción B como mal menor).
Chegamos sobre as 10.30 horas ao centro comercial en cuestión. Case ninguén... será moi cedo. Ao longo da mañá vaise animando a cousa pero non hai problemas para andar por alí, nin colas nas caixas, nin agardar para comer.. nada de nada. Iso sí, é luns e por riba un luns de setembro logo da volta ao cole, sinónimo de mes de gasto e petos baleiros. A partir das 18.00, 19.00 horas si que hai moitísima máis xente (incluso atascos puntuais nos accesos); imaxino que coma nas fins de semana.
Boto un vistazo polas tendas de marcas de luxo ou como queira que se chamen, pero claramente orientadas a un nivel adquisitivo alto. Practicamente baleiras. Triunfa o "low coast", éche o que ten a necesidade. A xente desfila con bolsas e bolsas dunha coñecida marca de roupa e complementos baratos; sen dúbida é unha das que máis facturan nese complexo comercial. Charlando do asunto cun familiar que viviu hai anos en Londres, comenta: "Ah, si. Esas tendas xa as había alí antes; é onde mercaban os pobres". Chegou a nosa hora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario