Cambiar idioma

3 de diciembre de 2012

Liquidación por peche

Mareada queda unha despois de ler ou escoitar as novas económicas dun día calquera. A actualidade económica ofrece tal baile de cifras, porcentaxes, siglas, tendencias, previsións e augurios que non sabe unha a que aterse. Que se un día o presidente do Banco Central Europeo (Mario Draghi), asegura que a zona euro empezará a recuperarse da crise na segunda metade do 2013, de seguido hai outras voces/organismos/gobernos que saen con outras expectativas peores. Que se o Goberno español agarda que o PIB caia un 0,5% no 2013, aí está Bruselas para dicir que diso nada, monada, que as previsións din o triple: 1,4%. Que se o Presidente, Mariano Rajoy, di que non vai tocar as pensións, e acto seguido non sobe o IPC aos maiores, coa consecuente  perda de poder adquisitivo (que suma e segue).
Só son exemplos, e dende logo non serei eu quen poña en dúbida que uns e outros manexen ditas cifras, (quizais algunhas condimentadas cunha boa dose de optimismo), nin o xeito de calculalas. Nin son economista nin analista financieira, pero si que son unha xestora da economía doméstica, como toda nai de familia.
E aquí, na vida real, é onde estas previsións non me serven para nada. Por que?
1. O máis probable, visto o visto, é que non se cumplan. Explicación á cidadanía?= "Hicimos todo lo posible. Pero ES NECESARIO que os sacrifiquéis un poco más. ES  POR VUESTRO BIEN. Todos juntos podremos". Palabrería, consignas baleiras.
2. E o presente, que? O porvir está moi ben, pero é isto, está POR VIR. Agora temos que comer, pagar as facturas, sobrevivir. Todo está máis caro, a comida, o combustible, os impostos. Da mágoa ver os carteis de "liquidación por peche" en moitos comercios da Barbanza, e enterarse de que a fulanito acábano de despedir, ou de que a empresa de menganito ten serias dificultades, pero lamentablemente é algo cotiá.
Quen sabe o que pasará? Ata onde chegará este proceso de transformación da sociedade do benestar (para mal) que xa está en marcha? Hai unha frase que se repite como un mantra, e que eu mesma digo maquinalmente, "hai que ser optimistas". Por que?
É interesantísimo este artigo do escritor Adolfo García Ortega, "El estallido que viene". Do seu análise, motivos para o optimismo, ben poucos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario